Fronte Popular de Xudea

O debate sobre a unidade da esquerda reaparece de maneira recorrente en momentos clave. Non é unha formulación nova nin improvisada, responde a unha percepción compartida de fragmentación e á convicción de que os desafíos sociais e económicos actuais requiren respostas amplas e coordinadas.

Desde dentro, a necesidade de cooperación resulta evidente. Existen amplos consensos arredor dos principios fundamentais, a defensa dos servizos públicos, a redución da desigualdade, a ampliación de dereitos e o fortalecemento democrático. Porén, eses acordos de base non sempre se traducen en proxectos comúns sólidos e duradeiros.

Un dos principais obstáculos é a dificultade para xestionar as diferenzas. As estratexias, as lideranzas e as identidades políticas pesan, en moitos casos, máis ca os obxectivos compartidos. Fálase de unidade, pero non sempre se asume que esta implica cesións mutuas e a aceptación de solucións imperfectas. Sen ese recoñecemento, os acordos tenden a quedar no plano declarativo.

Estas loitas veñen de lonxe. Xa no 1979, os Monty Python ironizaron sobre esta desunión na película «A vida de Brian«. O Fronte Popular de Xudea non era só unha broma, senón un espello incómodo. Colectivos case idénticos, enfrontados con intensidade, incapaces de colaborar porque o outro tamén é de esquerdas… pero non da maneira correcta. Mudan os nomes e as siglas, mais a escena repítese unha e outra vez.

A construción de espazos unitarios esixe algo máis ca vontade retórica. Require confianza, xenerosidade e unha mirada a medio prazo. Supón entender que ningún actor pode aspirar a representar por si só a totalidade do proxecto e que a cooperación non dilúe necesariamente as identidades, senón que pode fortalecelas se se xestiona con claridade e respecto.

Desde a perspectiva cidadá, estes procesos obsérvanse cunha mestura de expectativa e escepticismo. Existe unha demanda clara de responsabilidade e eficacia. Cando os intentos de unidade fracasan ou se perciben como meramente tácticos, o resultado non é só a división política, senón tamén o desgaste da credibilidade colectiva.

A unidade segue a ser unha ferramenta necesaria, pero non automática. Só pode construírse desde o realismo, o recoñecemento dos límites propios e a disposición a compartir protagonismo. Sen esas condicións, o risco é repetir intentos fallidos e alimentar unha sensación de bloqueo que ninguén pode permitirse.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *