Na imaxe de Castelao «A derradeira lección do mestre», o fascismo non aparece como unha idea abstracta, senón como o que realmente é, violencia, morte e silencio imposto. Un mestre asasinado, un neno obrigado a aprender diante dun cadáver, e unha lección que non está nos libros, o fascismo mata a palabra, a educación e a dignidade.
Castelao non pintou unha escena do pasado, senón unha advertencia. O fascismo non chega de golpe; entra cando se normaliza, cando se tolera, cando se lle abre a porta en nome da orde, da estabilidade ou da “responsabilidade”. Sempre comeza atacando aos mestres, aos xornalistas, aos que pensan e ensinan a pensar.
A loita contra o fascismo non é retórica nin nostalxia. É memoria activa. É entender que cada vez que se relativiza a violencia, que se equiparan vítimas e verdugos, que se mira para outro lado, esa lección repítese. E que o alumnado, hoxe como onte, segue mirando.
«A derradeira lección do mestre» non fala de vinganza, senón de compromiso. O compromiso de non esquecer, de non calar e de non permitir que o medo volva ocupar o lugar da palabra. Porque a verdadeira lección é esta, fronte ao fascismo, ou se resiste, ou se aprende a vivir de xeonllos.
